29/06/2024
NICO
HAI DOUS ANOS QUE NICO CASE MORRE NUN LUME. Foi salvado in-extremis polos bombeiros, estaba atado ó sofá dunha casa que ardía... Chegou á protectora negro, pero por sorte, sen feridas.
Nico criouse dende bebé nun piso, coa súa familia. Ata que deixaron de poderse ocupar del, e lle procuraron outro lugar, e ese lugar resultou ser perigoso para el, ata o punto de case custarlle a vida.
Nico perdeu todo o que tiña, a seguridade, sentirse querido cada día, os paseos de todos os días, a súa cama.
Leva case dous anos nun patio, e non é a sombra do que era. Envelleceu moitísimo, ten mal aspecto, fatígase moito... Pasa case todo o día deitado, sen esperanza.
O certo é que dá mágoa velo. NICO NECESITA UN FOGAR CON URXENCIA
Nico é medianiño, é un can ó que lle encantan os mimos, moi sociable coa xente, que se leva ben cos demais cans (aínda que non lle gusta para nada compartir a comida), que pasea xenial coa correa, sen tirar e pendente de quen o leva, que non lle di que non a un colo, ademais medrou nun piso polo que está educado nese sentido, e, finalmente, Nico é lindísimo!
PERO HAI UN PROBLEMA GRANDE: Nico non soporta que o contraríen, especialmente se non ten plena confianza. Esto significa que se Nico está decidido a facer algo, e ti interrompes esa acción, o máis probable é que Nico morda, QUE MORDA BEN. E morderá a parte do teu corpo que teña máis cerca. É algo moi sinxelo de evitar, e de traballar ós poucos, porque Nico ten moi bo carácter e coas rutinas dunha casa, cando aprenda qué é o que pode e o que non pode facer, e cando rebaixe o nivel de estrés, non haberá conflitos. Non se trata de que non lle poidas dicir que non, simplemente tes que negociar con el e non facer as cousas con brusquedade. Por exemplo, se Nico decide saír correndo pola porta e o queres frear, non lle podes poñer a perna diante ou agarralo para frealo polo colar. Se ten algo na boca ou cerca del, non llo podes quitar sen máis sen negocialo e sen darlle algo a cambio.
Nico non é malo, simplemente está acostumado a facer o que el quere, soe reaccionar de maneira automática, non é unha reflexión que fai de vou morder, e cando fai esto a solución nunca é rifalo. Non é un can que vaia perseguir a ninguén para morderlle, é somentes unha reacción. O que necesita simplemente é unha familia que sexa consciente, que non lle importe ter un can que non sexa o típico canciño sumiso ó que lle podes facer calquera cousa, ó que non necesitas respetar porque nunca lle vai parecer mal nada ou porque simplemente nunca se vai atrever a deixarte ver que non está de acordo. É un can para tratar con respeto, e se non sabes facelo, ou non estás disposta a facelo, Nico non é o teu can. EN CALQUERA CASO NICO É UN CAN PARA UNHA FAMILIA SEN NENOS.
Sei que dicindo todo esto é dificilísimo que ninguén queira axudalo, pero se o ides coñecer á protectora descubriredes un canciño realmente incrible, ó que lle encanta estar coa xente e que é un excelente compañeiro. É un can que conviviu coa súa familia durante 6 anos, e que foi moi querido.
Agora esmorece, literalmente, nun patio. E NECESITA, MOITÍSIMO, QUE ALGUÉN LLE DEA UNHA OPORTUNIDADE, QUE ALGUÉN CREA NEL.
Ten 8 anos, e o seu peso ideal está nos 13 ou 15 quilos.
(As fotos da publicación van dende a máis recente, na que se ve o desmellorado que está Nico, á máis antiga, na que se ve a Nico cando chegou á protectora)
Está en Progape Ourense